Existe a voz media? Unha cala sobre a existencia da diátese media en galego a través das anticausativas e asertivas
Use este enlace para citar
http://hdl.handle.net/2183/34146Coleccións
Metadatos
Mostrar o rexistro completo do ítemTítulo
Existe a voz media? Unha cala sobre a existencia da diátese media en galego a través das anticausativas e asertivasAutor(es)
Director(es)
López-Viñas, XoánData
2023Centro/Dpto/Entidade
Universidade da Coruña. Facultade de FiloloxíaDescrición
Traballo fin de grao (UDC.FIL). Galego e portugués estudios lingüísticos e literarios. Curso 2022/2023Resumo
[Resumo] Na gramática, como noutros saberes, a sistematización é útil e en ocasións necesaria. A
lingüística parte de propostas binarias como a natureza do signo lingüístico, composto por un
significado e un significante que, en moitos casos actúan por separado, o que levou á tradición
gramatical a estudar por un lado a forma e por outro o contido; porén, a súa conexión non
sempre foi materia de estudo. Unha entidade lingüística como é a diátese é un expoñente desta
conexión e, por iso, cómpre entendela en relación coa estrutura argumental do predicado, en
liña coas propostas do funcionalismo e da gramática de valencias.
Con todo, é recorrente neste ámbito de traballo unha dicotomía, novamente, binaria que
considera dúas opcións para a expresión da diátese: a voz activa e a voz pasiva. A diátese media
propón unha alternativa que é definida por trazos sintácticos e semánticos que non se
corresponden con calquera das voces canónicas. Analizar as manifestacións estruturais da
diátese media en galego é o obxectivo destas páxinas.
Para esta empresa será necesario fixar unha concepción de diátese media para seguir, unha meta
que resulta, de entrada, complexa, pois na bibliografía especializada non existe consenso sobre
a súa definición, status, representación ou, mesmo, existencia; en especial para as correntes
estruturalistas. A isto cómpre engadir a complicada natureza diacrónica deste problema e a
escaseza de recursos que traten a diátese media en galego porque, como se pretende mostrar, as
construcións medias en galego teñen características de seu.
Dentro do conflito existente, este TFG segue unha concepción da voz media que permita a
conexión que representa o termo diátese entre forma e contido. Por esta razón, consideramos
que a diátese media ten trazos sintácticos como a derivación motivada pola alternancia
causativa que resulta nunha redución valencial e trazos semánticos como a necesidade de o
suxeito non ser axentivo, isto é, que non teña control sobre o evento que designa o predicado.
Consecuentemente, tras elaborar un estado da cuestión que constrúa a referida concepción sobre
a diátese media, seguirase a proposta de Cidrás Escáneo (2003) en coherencia co exposto para
formular a existencia de dúas construcións representativas da diátese media en galego: as
anticausativas, para designar procesos que acontecen de forma “espontánea”, e as asertivas, que
predican estados que reflicten unha calidade inherente dunha entidade que funciona como
suxeito.
Nesta aproximación á diátese media, as referidas construcións protagonizan un traballo que
segue unha metodoloxía que procura combinar estudos gramaticais como Freixeiro (2000),
Álvarez & Xove (2002), Cidrás (2003), Mendikoetxea (1999a-b), Duarte (2013), NGLE (2009),
Camacho (2003), Perini (2005) ou Duarte (2005) entre outros; e, por outro lado, ampárase no
uso do corpus CORGA para tirar exemplos que tentan ser o máis representativos posíbeis desta
diversidade de construcións.
Finalmente, tíranse conclusións relacionadas coa heteroxeneidade destas construcións, o que,
en certo modo, orixinou esta falta de consenso no sector especializado, así como tamén a
necesidade dunha proposta para a diátese media nas gramáticas galegas, porque representa
certas características propias do galego-portugués cal a ausencia ou presenza do clítico, un trazo
que outorga singularidade no panorama romance e reforza a unidade lingüística do espazo
galego-portugués
Palabras chave
Lingua galega
Diátese media
Galego-português
Diátese media
Galego-português
Dereitos
Os titulares dos dereitos de propiedade intelectual autorizan a visualización do contido deste traballo a través de Internet, así como a súa reproducción, gravación en soporte informático ou impresión para o seu uso privado e/ou con fins de estudo e de investigación. En nengún caso se permite o uso lucrativo deste documento. Estos dereitos afectan tanto ó resumo do traballo como o seu contido Los titulares de los derechos de propiedad intelectual autorizan la visualización del contenido de este trabajo a través de Internet, así como su repoducción, grabación en soporte informático o impresión para su uso privado o con fines de investigación. En ningún caso se permite el uso lucrativo de este documento. Estos derechos afectan tanto al resumen del trabajo como a su contenido